Os premios sempre sorprenden porque se traballa para facelo ben, non para levar premios”

O construtor Xosé Otero Pombo vén de recibir o premio ‘Arquitectura para un mundo mellor 2022’ que recoñece a aquelas persoas que non sendo parte da profesión “teñan feito unha achega significativa” para mellorar as nosas cidades. O seu traballo, explican desde o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia –que concede o galardón-, “sempre apostou pola calidade arquitectónica e a capacidade para transformar e mellorar a contorna” dos proxectos sendo un “referente” internacional. A súa máxima “facemos cidade” recuperou o barrio da Caramoniña, xunto ao arquitecto Víctor López Cotelo, e transformou estruturas ou espazos existentes “esquecidos”. “Cremos que a súa paixón pola construción e a capacidade de comprender a súa complexidade e impacto na sociedade axudou a abrir ou asentar camiños para os arquitectos”, explica o acta de concesión do premio, que tamén destaca os materiais “pouco convencionais” que utilizou na súa dilatada carreira, como a madeira de eucalipto, ou a mestura de técnicas.

 -Nado en 1945, como cambiou a concepción da arquitectura e da promoción inmobiliaria dende que comezou a traballar?

Empecei a traballar no 1966 con 21 anos nunha empresa construtora de Santiago, dende aquela efectivamente houbo moito cambios, tanto na concepción da arquitectura como na construción:

Agora é unha premisa da arquitectura contemplar os edificios como integrantes da cidade na procura de que sexan aptos para ser vividos, pero tamén bonitos, que o espazo que ocupan dialogue co territorio onde se ubican, que cumpran as funcións de habitabilidade, … non así cando eu comecei. A maioría dos edificios se facían para procurar un espazo habitable as persoas que chegaban as cidades, sen pensar no planeamento, na estética, na insonorización ….funcionaban como meros contedores.

Na construción fun vendo cambios, sobre todo a nivel do persoal laboral mais preparado. Protagonismo das escolas de formación profesional, a educación dual…. Tamén foise renovando a maquinaria, o Código Técnico da Edificación; nestes momentos un gran cambio é a incorporación da madeira contralaminada na construción cada día en mais usos: xeriátricos , garderías… a sostenibilidade, o consumo case nulo de enerxía ….

-O premio do Colexio de Arquitectos recaeu en vostede pola “calidade arquitectónica” das súas obras e destaca o seu labor de rehabilitación do patrimonio, son as mellores definicións da súa traxectoria profesional?

A calidade arquitectónica ven dada por un respecto total o proxecto realizado polo arquitecto. Eu estudio o proxecto arquitectónico antes de executalo, examino se me gusta e se está ben desenrolado. Se me gusta, intento executalo o mais fielmente posible, e naqueles puntos onde eu penso que se pode mellorar, expoñelo e estudialo detidamente cos técnicos.

A rehabilitación do patrimonio é unha paixón, entra dentro do meu concepto da “sostenibilidade”, recuperar o que xa está feito é aforrar. Hoxe temos materiais, sistemas construtivos… que permiten usar de novo o que xa está feito é, ademais, coa rehabilitación podemos tamén manter viva a nosa tradición e manter o legado herdado.

Para min os edificios que rehabilito son escolas que me ensinan cousas do meu oficio, da economía, usos, gustos, como se convivía… Penso que a rehabilitación tiña que estar premiada. O Patrimonio Colectivo debe de ser protexido e auspiciado por TODOS.

-Dixo vostede no acto de entrega do premio que estaba sorprendido, por que? Xa tivo recoñecementos moi importantes ao longo da súa vida, quédalle algunha que crea especial? Foi esta do Colexio destacada?

Os premios sempre sorprenden porque se traballa para facelo ben, non para levar premios… e, cando veñen, sorprenden.

Este sorprendeume porque é a primeira edición, a primeira vez que o Colexio de Arquitectos de Santiago fai este recoñecemento e sorprendeume que pensaran en min.

E un honor.

Tamén porque sempre se di que o colectivo da construción vai por separado e que teñen intereses distinto. Con este recoñecemento ponse de manifesto que non é certo, todos intentamos facelo ben, facer cidade.

-Colegas de sector valoraron, con motivo do galardón, a forma de facer cidade desde o ámbito privado. Normalmente asociamos promotores ou construtores solo con xeradores de cartos? É vostede un construtor especial?

Efectivamente, sempre tiven como obxectivo principal a construción e, como dixen anteriormente, estudo o proxecto antes de executalo. O de xeradores de cartos non estou de acordo, dende sempre a construción é un oficio é como tal oficio practícase para poder vivir.

Os cartos, a especulación, as burbullas…. non son xeradas polos construtores. Creo que somos un chivo expiatorio que a outros colectivos lles favorece seguir sinalando, pero isto merecería un estudio aparte.

-De cal das súas construcións se sinte máis orgulloso e por que? Hai algún tipo promoción que lle quede por facer?

A VAQUERIA é unha promoción que levou a VII Bienal de Arquitectura Manuel de la Dehesa no ano 2003 e ser a primeira vez que se lle adxudicaba a unha empresa privada foi tamén un punto de partida moi importante para min e para o meu equipo. Pero, quixera remarcar que a construción chamada PONTE SARELA que é a mais visitada é premiada de todas as que fixen e que está sen rematar. A pesar de ter todas as licencias preceptiva, tras a denuncia no ano 2000 de unha veciña ao Concello de Santiago, un xuíz no ano 2007 sentencia a esta unidade de execución a súa demolición. Un periplo xudicial de mais de vinte anos. Esta obra para min é especial. Nun contexto europeo é incomprensible os vinte anos de sufrimento. Síntome moi orgulloso de ela.

-É Santiago a súa “musa”? Síntese mellor traballando nesta cidade? Como a ve agora a nivel arquitectónico?

É a cidade onde nacín e me criei. Apetéceme moito actuar nela, e sempre tiven unha boa acollida por parte dos meus conveciños. Pero tamén estou actuando fora.

-Como actor da parte privada do urbanismo, como é a relación coa parte pública? E coa terceira “pata”, é dicir, coa cidadanía para a que se constrúe?

Unha relación moi fluída cos técnicos de calquera administración. Outra cousa é os problemas que temos derivados sobre todo do planeamento e das ordenanzas é dunha lexislación farragosa, da cantidade de normas e regulamentos …. da diarrea lexislativa que nos envolve é afoga.

A cidadanía cada día é mais exixente co que facemos é así debe de ser. Nós actuamos nun ben común, o TERRITORIO, nun espazo de vida é desenrolo persoal, a CIDADE, e debemos facelo ben.

-Segue traballando actualmente, non pensa en xubilarse?

Traballando ata que o corpo aguante. A construción para min é unha actividade que me rexuvenece. É o que mais me relaxa e satisface por enriba de calquera outra actividade , non a cambio por ningunha outra. Sempre a pé de obra ….espero que por moitos anos.

Fotografía:
Por la izquierda: Ángel Cid, Presidente Colegio de Arquitectos de Santiago; Con corbata: Víctor López Cotelo-arquitecto y en el centro: Xosé Otero Pombo con el obsequio que le concedieron: Acuarela rotulador y lápiz sobre papel realizada por el arquitecto Pablo Tomé y titulada Arquitectura para un mundo mellor. Representa la pasarela que ejecutó Xosé Otero y que une el parque de Bonaval y la obra de promoción de viviendas llamada Caramoniña. A la derecha, Javier Ramos Gullart-arquitecto